5 de mar de 2015

A mecánica

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.), e mesmo entre artes e vida? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Samuel Solleiro: As artes son unha convención como outra calquera e, como tal, a relación entre elas é a que unha sociedade sancione como válida. En xeral, case todo o que soa a arte está connotado positivamente, e hoxe en día sempre é unha postura impopular a que defende as diferenzas entre artes, aínda que ás veces sexan bastante evidentes do punto de vista formal. Cando se fala, e fálase bastante, de relacións entre música e literatura, é un pouco como se fose de malas persoas, de fascistas, dicir que non son case a mesma cousa. E non son a mesma cousa. Non teñen moito que ver fóra de que a literatura utilice a linguaxe verbal e a música, opcionalmente, poida utilizala tamén. Pero na literatura a linguaxe verbal ten a responsabilidade de levar o ritmo, e na música non. É unha diferenza enorme. Despois, claro, sempre un pode encontrar nunha disciplina algo que lle dea unha idea para utilizar noutra, pero iso pode pasarche falando co veciño, vendo a televisión ou asistindo a unha pelexa nun bar. Non é algo exclusivo das artes, faltaría máis. Supoño que se che interesa a literatura e, a maiores, a mecánica, por exemplo, a ninguén lle importa moito que non relaciones ambas ou que non crees un continuum coherente con ambas. Lamentabelmente, a mecánica non me interesa.

[...]

Este é un fragmento dunha entrevista que me fixeron para o web Palavra Comum. Pódese ler íntegra aquí.


19 de nov de 2014

Il giardino proibito

O que segue é o texto que escribín para a mesa redonda de narrativa na que estiven hai un par de semanas, canda Berta Dávila e Mario Regueira. Foi no VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os da AELG, no edificio Normal da Coruña. O tema era "As outras. Os outros", isto é, as lectoras e lectores. Na foto non estou durmindo. Estou meditando.
 

















O FEO, O SUCIO E O IMPURO

Scusa tanto
se la vita è così:
non l'ho inventata io.

“Il giardino proibito” (Sandro Giacobbe)

I

Teño moitas rarezas, pero ningunha delas consiste en pensar que é mellor ter poucos lectores que moitos. Comecemos por aí. Hai tempo que non creo no lado romántico da miseria.

Claro que tamén é certo que, nos últimos tempos, a accesibilidade das tecnoloxías da comunicación permitiu a identificación, cuantitativa e cualitativa, desas estrañas persoas que len sen escribir, ou sen publicar polo menos. En efecto, agora sabemos que esas persoas existen, que non son só esa nebulosa anónima que non hai tanto se agochaba despois do cribo que era a editora. Un escritor antes preocupábase de que a editora lle fixese caso, e todo o que pasase despois, co libro editado, non era da súa incumbencia e pertencía ao terreo do marketing.

Agora, de pronto, os lectores existen. E sabemos que son poucos e que son fráxiles. Non porque sexan realmente poucos (poucos comparados con que?), senón porque son un ben e, como tal ben, nocións como a de “escaseza” son agora aplicábeis a eles.

Esta situación, sumada ao feito de, no contexto galego, existir eses detalles sociolingüísticos tan desagradábeis, parecen case obrigar a que se fale destes asuntos en ton de lamento pola perda dos lectores. A min gustaríame evitar na medida do posíbel este ton. Confío en que isto non se tome como unha chamada ao conformismo e si como unha posibilidade de falar un pouco alén de onde a gramática do lamento, que é un tanto limitada, permite.

En todo caso agradezo moito o tema desta mesa, porque falar de lectores é meter o dedo na ferida e as feridas, en certo modo, son para meter os dedos e fozar nelas.

II

De todos modos, se temas como este son infrecuentes, non é porque non se pensase neles senón porque sempre houbo un certo medo a enfrontalos directamente e que a realidade fose máis fea, máis sucia e máis impura do que se pensaba. Foi un pouco como varrer debaixo da alfombra: no fondo sabes o que vai haber debaixo o día que a levantes, pero mentres non te decides a facelo vaste contando un conto e o conto di que a vas levantar e vai haber un campo de margaridas debaixo, e ao mellor un dá aguantado toda a vida sen levantala e leva o conto do campo de margaridas para a tumba con el, pero o día que levantar a levante, o que vai haber é, claro, un criadeiro de ácaros.

Hai unha alquimia, bastante rodada en Galicia, segundo a que calquera problemática literaria, desde as que teñen máis relación co diñeiro e o mundo empresarial até as máis formais e puramente técnicas, tende a transformarse nun discurso identitario. É máis: dá a sensación de que todas as problemáticas son un pouco sórdidas e merecen un certo desprezo mentres non encontran a súa expresión en termos identitarios.

Segundo esta regra, ningún debate pode tomarse moi en serio se non fala de cousas como o que ten que ter a literatura galega para ser galega, como pode a literatura galega contribuír a isto ou a aquilo (á autoestima lingüística ou á independencia de Galicia, digamos) ou como a literatura galega, como un todo, pode facerse valer ante sistemas máis grandes. E tamén se fala moito, en consecuencia, de pureza lingüística, de reintegracionismo ou de efemérides. No mellor dos casos, fálase de identidades diferentes da nacional, como a de xénero.

(Tamén se falaría de raza ao estilo norteamericano se non fósemos todos máis brancos que Cristo: dos que escribimos por aquí eu debo ser dos máis negros en canto á pigmentación e non vou alén de certo toque axitanado).

Este enfoque perpetúa unha visión do mundo basicamente mítica á que non lle preocupan moito as persoas reais agás como actores e actrices dun proxecto identitario que non entende do que hai senón só do que debería haber. As persoas reais son feas, sucias e impuras. O máis probábel é que a lingua na que máis len sexa o español e pode que algunhas até falen nesa lingua. Son, ante todo, moi contraditorias. Sería mellor que fosen invisíbeis, e para iso están os mitos: para evitar ver as cousas que non se queren ver.

Algúns destes mitos son, entre outros, o de que a literatura ten unha labor normalizadora que cumprir; o de que Galicia é unha comunidade nacional orgánica e culturalmente autosuficiente; o de que as interferencias das vidas culturais madrileña ou barcelonesa en Galicia se explican só en termos de intereses foráneos e coloniais; o de que os escritores teñen a obriga moral de tomar posición en todos os procesos que teñan a máis mínima relación coa literatura galega en conxunto, etc.

III

Todo isto ten cristalizado en debates que se presentan na forma de binomios ultrasimples (tipo carne-peixe, mamá-papá, PP-PSOE) que, cunha perspectiva realista, habería que impugnar sen tomar partido por ningunha das dúas opcións, porque están formulados segundo a lóxica do mito e só con esa lóxica poden resolverse: o debate sobre se hai que escribir best sellers en galego, o debate sobre se os escritores deben ser profesionais ou afeccionados, o debate xeracional, o debate sobre se o Día das Letras Galegas ten que conmemorar autores vivos ou mortos, o millón de debates sobre normativas lingüísticas, etc. Estas son algunhas das margaridas que algunha xente pensa que crecen debaixo da alfombra.

E outro deses debates é o da literatura “experimental” fronte á “popular”, segundo o que a primeira tería poucos lectores e moi especializados (hai quen usa a palabra “críticos” para referirse creo que a unhas seis persoas) e utiliza unha linguaxe moi complexa e con pouca acción, e a segunda ten moitos lectores e unha linguaxe máis ben simple e con máis acción. Sería interesante ver como unha análise formalista dunha e doutra literatura seguramente revelaría uns resultados horrorosamente semellantes en ambos bandos.

Eu creo, para empezar, que, no canto de que un libro “experimental” teña poucos lectores e un “popular” teña máis, o que acontece é que se lles chama “experimentais” a libros con poucos lectores e “populares” a libros con máis. Ou sexa, que a sospeita (en base á visibilidade do libro, por exemplo) de que un libro se vai ler pouco, asígnao automaticamente ao caixón do “experimental”.

E creo, ademais, e isto dá máis medo, que temos tan asumido que os libros en galego teñen unhas características temáticas complementarias dos mitos de construción identitaria (alegorías nacionais, personaxes sen contradicións, finais que se ven vir, contextos por defecto, sexualidades descafeinadas) que, no momento no que nun libro están ausentes, se nos faga raro e chamemos ao raro “experimental”, que queda máis fino.

Para o meu libro Gran tiburón branco, por citar un exemplo con pouco risco de erro, tiven como referentes principais autores norteamericanos bastante mainstream (Philip Roth, Joyce Carol Oates, Salinger, Tobias Wolfe ou Lorrie Moore), e non é que queira utilizar eses nomes coñecidos para lexitimar nada nin que pense que o meu libriño é herdeiro digno desas señoras e deses señores, pero si que, como as historias deles, contén construcións narrativamente moi simples que non podo entender que alguén no século XXI considere experimentais en absoluto. E así e todo, seica teño dalgunha maneira esa denominación de orixe, caída do ceo ou de non sei onde.

O lugar no que tal vez deberiamos estar é xa ese no que se asimilaron os recursos experimentais e se utilizan puntualmente como ferramentas expresivas da vella e nobre tarefa de contar historias e contalas ben. Infelizmente, é un lugar difícil para estar se todo o mundo pensa que non existe.

É un pouco como o purgatorio.

IV

Seguir perpetuando estes debates de A fronte a B é unha gran falacia cuxas motivacións principais entendo que oscilan entre xogar a sermos un país como calquera outro (cando é evidente que non o somos, queirámolo ou non) e xogar a sermos un país radicalmente diferente ao resto e até pode que mellor (e tampouco o somos, claro).

Galicia, se algo é, é un país feo, sucio e impuro. Como todos.

Creo que é importante cobrar consciencia disto e asumir que somos unha sociedade híbrida, de pouquiña xente, na que a porcentaxe de persoas con hábito lector ha roldar, se non me engano, a media do sur de Europa. E que desa porcentaxe de persoas unha parte non foi alfabetizada en lingua galega. E que, da parte que si que o foi, hai persoas que así e todo son monolingües en español á hora de escoller as lecturas (entre as que por certo, non me cabe dúbida de que haberá libros difíciles, pouco compracentes ou directamente, agora si, experimentais). Creo tamén que entre as causas para esta elección, o rexeitamento directo é infrecuente. En parte pesan, sen dúbida, os prexuízos. Pero tamén hai que recoñecer que os produtores de libros en galego tiveron -tivemos- parte de culpa. Por de pronto, por perpetuar todo ese aparato mítico e eses debates de ciencia ficción que acabaron por deixar claro que isto non ía alén dunha especie de reunión de antigos alumnos de algures.

Esa comunidade lectora (na que non me caen os aneis por incluírme, dado que leo menos libros en galego dos que me interesarían) está por recuperar. E como non é (non somos) xente particularmente estúpida, a ferramenta para os escritores non ten por que ser escribir cousas simples, mastigadas, faciliñas e que se poidan ler na secundaria. Imaxino eu que a ferramenta é escribir libros de calidade.

V

A influencia académica é forte na literatura de Galicia e sen dúbida hai unha boa razón sociolóxica, pero causou danos colaterais como o de proscribir de calquera discusión termos como o da “calidade”. En termos académicos é un avance que se desterrase un termo tan arbitrario para o estudo como este, pero creo que na discusión que se mantén entre produtores literarios, ou mesmo na que mantén o propio produtor cos fantasmas da súa cabeza, o concepto debe recuperarse. Non cun significado universalizante, pero eu non podo concibir que un escritor non teña unha idea moi precisa do que é escribir ben e do que é escribir mal. Creo mesmo que sería saudábel substituír o debate entre o “experimental” e o “popular” polo de escribir ben ou escribir mal. Sería un debate igual de inxusto e falso, pero tería a virtude de desprazar o eixo da discusión desde esa normalidade de quen pretende saber como deben ser as cousas até un espazo moito máis pasional e dionisíaco e máis relacionado co pracer material que ler libros, ás veces, dá.

Un é un cidadán de ben e sabe que na sociedade todo está relacionado e entón parécelle unha boa idea botar unha man aquí e outra alá e saber un pouco disto e outro pouco de aquilo, e como ademais o país ten un tamaño accesíbel, á primeira de cambio está xa un na misa e repicando. Eu creo, porén, que se a un de verdade lle gusta escribir e que haxa xente que o lea por gusto e non por militancia ou porque está na programación de cuarto da ESO, debería tratar de estar ao que está na medida do posíbel, e de construírse a ficción de que é posíbel limitarse a escribir e ademais facelo porque si. Repito: a ficción. Non é que todos nos fagamos inocentes de pronto, senón de xogar a que o somos a ver que pasa. Descreo de que sexan positivas actitudes moi frecuentes como a do escritor-sociolingüista, que cando senta a traballar pensa cousas como: “e que libro necesitará a miña literaturiña?”, ou a do escritor-editor, que coñece perfectamente todos os pasos do mundo da edición e asume as miserias dos editores ou dos libreiros como as súas propias, ou a do escritor-pedagogo, que para a conservación da lingua prefire producir libros que non renxan moito en unidades didácticas. Estou falando, ollo, de actitudes ante a folla en branco e non de pluriemprego (se un é realmente sociolingüista ou editor ou pedagogo, pois tampouco pasa nada: más triste es robar). Aínda que só se traballe no asunto unha hora á semana, eu creo que é mellor tratar de ser escritor-escritor esa hora á semana, aínda que só sexa porque eses momentos de pracer nos que un se decata de que acaba de dar con algo que lle gusta tanto que deixa de pensar en lectores e se envorca no seu propio pracer como un corricho, creo que son os que acaban transmitíndolles aos lectores, paradoxalmente, unha sensación similar, como de “uf, nunca lera algo así”. E o xogo vai diso.

VI

E se escribindo libros de calidade un considera que así e todo os lectores son poucos e deberían ser máis (porque tampouco depende só de quen escribe os libros), eu recomendaría pensar que ao mellor non está tan mal ter poucos lectores se son bos e sinceros e máis ou menos fieis e críticos sen pasarse. Gústame pensar a literatura en termos de “escena” tal e como se fai en música, por exemplo. Non coñezo definicións moi precisas disto, pero entendo que se refire a unha comunidade moi localizada de persoas cunha afección moi forte por unha práctica concreta. Ninguén se fai rico así, e desde logo que non se fai país. Pero se un non aspira a unha cousa nin á outra, a escena permítelle asumir as limitacións cuantitativas como regras do xogo e ser o máis feliz posíbel nun círculo reducido pero fiel ao que lle interesa o seu traballo. O mundo non é tan grande e non todas as persoas poden aspirar a que o que a elas lles gusta sexa maioritario. Os entendidos en cogomelos, os músicos de dark ambient, os fanáticos dos espectáculos de sombras chinesas, os que ven torneos de sumo pola televisión, os coleccionistas de vinilos de rumba dos 70, os filatélicos e os sadomasoquistas non se preocupan por estas cousas. Supoño que teñen razón.

30 de set de 2014

Eh tíos, os nazis están entre nós






























O pasado 25 de setembro estiven lendo o meu texto "Do futurismo á música industrial: fascismo e vangarda no corazón do bosque" no ciclo Escrita(s). Foi agradábel estar alí. Porén, ao ter necesariamente que ler o texto e dado que o contido non era tan doado despois de todo, decidín armar unha especie de fanzine cutre, que podedes descargar en pdf aquí, e no que, alén do texto da conferencia, podedes encontrar unha introdución escrita posteriormente e mais algúns extras (artigos para aprofundar no tema, discografía seleccionada, libros, etc.). Espallen por aí o pdf todo o que crean conveniente, pero eh, que non o saiban eles.

22 de set de 2014

No corazón do bosque

O próximo xoves, 25 de setembro de 2014, estarei falando no ciclo Escrita(s), acaso o único evento cultural que se celebra no meu propio barrio. Será ás 19h no local Almáci(gas) (travesía de Basquiños, 14). A miña conferencia é de moito medo e titúlase "Do futurismo á música industrial: fascismo e vangarda no corazón do bosque". Este é o resumo da cousa:

"A historia oficial e lineal do fascismo xorde nas marxes do primeiro socialismo europeo, cristaliza nuns poucos gobernos até 1945 e, de aí en diante, apenas asoma puntualmente a cabeza en forma de vandalismo ou de resposta desaforada á crise. Acaso esta sexa a única narración unitaria posíbel. Porén, se descompoñemos esta narración en historias diversas, encontraremos formas de fascismo nos lugares más inesperados e, nomeadamente, no ámbito da creación artística. Presentada como unha escolma amoral de contos de aventuras dos séculos XX e XXI, esta disertación ten por obxectivo aterrorizar o auditorio definindo o fascismo como aquela forza oculta (emboscada) sempre disposta a dar contido a calquera significante baleiro."


28 de abr de 2014

Facer algo bonito

Camarada: Eu só quería facer algo bonito é o título do primeiro libro de Begoña Díez Sanz (Follas Novas, 2014). O libro presentouse en Compostela a semana pasada e este é o texto que escribín eu para a ocasión e que tivo que ler outra persoa porque eu tiña ocupacións ben máis ingratas que atender a esas horas.


























YO TENÍA UN CAMARADA


Confeso que son un lector de poesía bastante ocasional e que normalmente son incapaz de producir o máis mínimo discurso sobre a linguaxe lírica, fóra de banais “este libro está moi ben” ou “este libro non está demasiado ben”. É a tardiña do xoves 24 de abril e aínda non tiven a oportunidade de ler Camarada: Eu só quería facer algo bonito, pero xa me vou alegrando de que teña un título narrativo e me faga pensar en historias un pouco raras. Algunhas evocan o socialismo, pero, como sempre me pasa, tiro polo lado escuro, lembro que os militantes de Falange Española tamén se trataban de camaradas, como demostra aquela canción (cantar): Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor, e penso unha historia na que un falanxista trata de xustificarse ante o seu superior por un crime consumado cunha crueldade excesiva que na súa alma (pois como todos os fascistas estetiza a realidade) resulta estrañamente fermoso. O seu superior, naturalmente, fará como que o pensa e perdoaráo.


Despois o libro, como era de esperar, demostra que non vai sobre falanxistas nin nada que se lle pareza. É a mañá do venres 24 de abril e onte atopei máis ben que Camarada: Eu só quería facer algo bonito fala de algo que dalgunha maneira rematou para sempre ou está a piques de rematar e non o fixo sequera coa vontade estética do sacrificio ritual do noso amigo o falanxista senón caladamente, deixándose levar polo silencio, polo simulacro, tan banal como a irrupción dun anuncio de playlists para ximnasios no medio dunha reprodución da Noite Transfigurada de Schoenberg en Spotify. E de como o amor é ficción no mellor dos casos e de como o sexo ou algo que se parece ao sexo é ao mesmo tempo unha pastilla que fai soportábeis as miserias e unha máquina de fabricar miserias. E de como o tempo se conxela na ruptura e non deixa de pasar pero pasa con indiferenza, e de como en realidade non se conxela o tempo senón o seu sentido. E de como aí está o rancor, e o rir por non chorar, e o sarcasmo, e a compaixón, e a autocompaixón, e outra vez o sarcasmo, e outra vez o rancor, e a culpa. E de como polo medio aparecen Peter Sloterdijk e María do Cebreiro e un tal Xavier Campos que parece que escribiu a frase do título pero tampouco a aclara, e até eu (eu, señoras; eu, mamá: eu) explicando o febles que somos, porque no fondo entendo que este é un libro que fala sobre a forza e sobre a ausencia da forza ou a necesidade da forza, pero no fondo todos os libros falan sobre a forza ao seu xeito, agás os de cociña e os de gramática. E, enfín, de como todo podía ter sido máis bonito pero non o foi e boeno.


E despois, e é venres xa pola tarde, penso que ás veces as cousas que puideron ser bonitas e non o foron producen resultados inesperados, libros como este, e que menos mal, porque do lado da beleza está o falanxista de antes mirando cos ollos brillantes alternativamente a pila de cadáveres e a cara do seu superior, satisfeito en certo modo, extasiado, feliz de que as cousas saian ben. Yo tenía un camarada / Entre todos el mejor / Siempre juntos caminábamos, / siempre juntos avanzábamos, / al redoble del tambor. Pero nós non queremos iso.

24 de abr de 2014

Arder


Xa hai un par de semanas, Armando Requeixo publicou en Praza Pública unha crítica do meu libro Punk. Non estiven moi atento a actualizar o blogue este e fágoo agora que a mesma crítica aparece no web do autor, Criticalia. Aquí e aquí (pero é o mesmo texto).

21 de mar de 2014

Post-punk

O outro día Chus Nogueira fixo a reseña de Punk no Diario Cultural da Radio Galega. Pódese escoitar aquí.



Magazine - I Wanted Your Heart