22 de abr. de 2013

L'animale che mi porto dentro vuole te

O xoves 25 de abril estarei na universidade de Granada canda outros amigos cunha conferencia que se titulará: "L'animale che mi porto dentro: paixón, sordidez e contradición na literatura ou de por que non son posmoderno pero talvez si". Ten un título moi pretencioso porque me deron dúas horas para decidilo, pero aínda non sei de que hostias vou falar. E despois á tardiña tocaremos as Ataque Escampe e tal.

5 de abr. de 2013

Dous poemas de Armand Gatti

Pedíronme unha colaboración para o blogue De volta para a Loureda. Rede de apoio a Carlos Calvo, aquí. Como máis ou menos todo o que eu penso ao respecto xa o dixeran outras persoas antes e seguramente mellor, preferín aportar un material un pouco menos explícito pero igualmente duro: a tradución de dous poemas do (máis que nada) dramaturgo franco-monegasco Armand Gatti. Que reproduzo aquí.


Os personaxes do teatro morren na rúa

O que loita perpetuamente na fronteira de algo (importante) pero nunca sabe onde se encontra

O que enredado nas xestións do simbolismo chantou o angazo e mais o arado imaxinarios nas estacións de U-Bahn para desafiar (reinventar?) a cidade

O que bebeu alcol de ovo de serpe en Pequín co ministro dos estranxeiros e creu durante anos que era chinés (aínda o cre, na forma de versículos do tao nun dos caixóns da súa mesa de traballo)

O que o mesmo día, diante do mesmo muro dun cárcere de Guatemala, viu tres Cristos (pode que un fose falso) fusilados polos homes da United Fruit Company, e desde daquela procura unha cruz sen encontrala xamais (e de aí as súas interminábeis explicacións: un Cristo sen cruz resulta insoportábel)

O das citas clandestinas coas parábolas budistas que creu ler o mundo na cabeza decapitada do gato do monte Nan-Chuan

O que procuraba por entre as diásporas dos pobos a filla pequena dun cosaco ucraíno que fuxira polos mundos libertarios cun cineasta con cabeza de cabalo

O que nunha cafetería dA HABANA asistira á revolta de Deus pai (“Non, xa non quero ser Deus!”) pero despois non foi quen de ocupar o seu posto

O que rompía todas as mañás un tixolo de vidro na cabeza soñando con ser un xabarín (sen atributo, sen suxeito e, así e todo, verbo transitivo)

O do toque de alarma para as guerras eternas e o berro do espírito humillado (pisoteado) nas galaxias

O que durante trinta anos tentou camiñar sobre as augas dun porto dos Alpes marítimos e acabou facendo patinaxe sobre o Báltico (a cidade de Arenshop asistiu ao acontecemento)

O que lle trenzaba a cada meniña de Berlín unha coroa de raís e de luces de camiños de ferro para que puidesen casar coa treboada

O contador de combates de boxeo os sábados, de fragmentos de partidos de fútbol na televisión e de posicións fetais nas piscinas olímpicas

O gordo de cara, de ventre, de cu, de collóns, de nariz (son os gordos os que fan a historia da Historia), atrapado a cada vez na linguaxe das ideoloxías e forcexando como unha rata (gorda) nun cepo

O que nunca está (ou, se está, ninguén o sabe). Talvez está morto nalgures, pero todos o ignoran.


Escribo para mudar o pasado

A véspera dunha partida cara ao cárcere de Limoges, diante do KZ (campo de concentración): un taller do cárcere de Tulle. Unicamente presos políticos (os da rexión e mais os trasladados).
Personaxe do drama: unha folla de papel.
Pregunta:
-Isto escribíchelo ti?
-Eu?
-Si, claro... é unha páxina do teu caderno.
-E a vós que carallo vos importa?
-Simple vixilancia, é normal... estamos en guerra...
-Contra quen? Unha folla de papel?
-Nunha folla de papel tamén hai unha maneira de ver as cousas que cómpre explicar.
No medio, o Gato. En frente, exhibida como unha rapaza grávida na reunión dunha boa familia, a folla de papel coa frase incriminatoria: “Xamais me sentín tan libre como aquí”. Arredor os compañeiros detidos do taller falan a lingua dos xuíces. Por que lle colleron o caderno? É a raíz desta inquisición que nace automaticamente todo papel escrito?
-Vas ter que darlles explicacións aos camaradas!
-Non teño nada a ver cos camaradas. Eu non son un dos vosos.
-Entre os nosos non hai sitio para os pimpíns!
-Nin para os vendidos!
-Eu non creo que el sexa un vendido... é máis grave. Es un irresponsábel... Exactamente igual que en España cos anarcos... Aquí demóstrase unha vez máis...
-O que se demostra?
-Traizoácheste co teu caderno... escribir o que escribiches quere dicir que nos desexas o cárcere a todos. Si ou non?
-Non é que sexas un cabrón, Gato, es un traidor obxectivo.
-E vós é máis ben polos policías subxectivos que tomades partido.
A palabra policía transforma o tribunal da sombra no seu irmán carcelario: o axuste de contas.
De súpeto un “non!” seco, case indiferente na súa brevedade, e todo se detén. Neste ambiente de paredes húmidas e lixadas de salitre, de bancos enganchados con cadeas, os contendentes pola folla de papel parecen un grupo de cascudas sorprendidas pola luz. Todos ollan a Ruben, como se el fose a causa deste deslumbramento.
-Se alguén quere tocar esta folla vai ter que comezar por min. É a miña liberdade, estamos?
Á noite, Ruben achégase ao home libre do cárcere de Tulle. A ollada agroma con dificultade. Os bechos e as ratas, que botan carreiras desenfrenadas entre os somieres, impídenlle durmir.
-Gato, por que escribes?
-Para mudar o pasado.

1 de abr. de 2013

Ese polaco que entra nun bar

Hai cousa dun ano encargáronme reseñar para a revista Protexta o libro O prezo da fama de Slawomir Mrozek, que viña de publicar Rinoceronte. Despois o número de Protexta saíu con retraso (eu dei conta aquí) e por razóns técnicas, en todo caso alleas a min, non incluíu esta reseña. Póñoa aquí para que non se perda totalmente. Nalgún momento pensei en esperar que morrese Mrozek, pero estas cousas non deixan de dar mal rollo. Mellor agora.

Foto de Mariusz Kubik



















Ese polaco que entra nun bar. Slawomir Mrozek, O prezo da fama (Rinoceronte, 2012)

Existe unha estirpe de narradores que nunca son os máis coñecidos aínda que sexan coñecidos e que, enfrontados á situación de reciclar a sintaxe dun xénero preliterario para a súa obra, evitan os máis canónicos (o mito, a lenda, a liturxia) e escollen un menos prestixiado: o chiste. Slawomir Mrozek pertence a esta estirpe, canda outros como Quim Monzó, Javier Tomeo ou ese grande autor inxustamente relegado ao gueto infantoxuvenil que é Gianni Rodari. Evidentemente, non se trata de que escriban chistes, este é apenas un préstamo estrutural e talvez tamén un estado de ánimo para encarar a trama e que, madia leva, non lles impide a estes autores xurdidos da improbábel cópula entre Kafka e Eugenio tratar temas graves, amargos ou sórdidos se a ocasión o merece.

Desde O elefante (1957) até este O prezo da fama (1996), a narrativa breve de Mrozek segue un esquema similar: amplos catálogos de textos pechados, nos antípodas da tranche de vie como de Chéjov e dos popes do microrrelato, malia a súa breve extensión: nestes textos os personaxes non sobreviven ao punto final, non o precisan, cumpriron o seu papel, como no mundo do chiste o maricón que entra nun bar nunca terá unha vida fóra do bar e o chorado Mistetas nunca reaparecerá ouveando de medo na porta da señora. A descrición é simplemente eficaz, un par de trazos para contextualizar historias que por veces se constrúen cos alicerces dos tópicos: o que hoxe chamamos mañá, mañá volve ser hoxe; un neno non sabe que a hora muda conforme o tempo vai pasando; un computador rebélase contra o seu propietario; un tipo interpreta todas as normas ao pé da letra e resulta ridículo. Só falta a compra dun loro nunha paxararía. E porén a resolución sempre reborda as expectativas do lector, pois supón un desequilibrio para unha situación en aparencia simétrica e ese desequilibrio destila unha crueldade francamente sa. Dito doutra maneira: o recurso ao chiste dura o que dura o plantexamento da historia, pero nos mellores textos un xiro inesperado esquiva a piada final e desínflanos as expectativas e, por veces, o corazón.

E despois, a Polonia socialista. Pobre contexto na medida en que o país é enorme e o socialismo durou máis de corenta anos, pero a historia nacional está moi presente malia que a tradución (moi lexíbel por outra banda) por veces nos sorprenda falando de pesetas ou de personaxes que se poñen a falar español. Talvez o máis interesante d'O prezo da fama sexa precisamente que nalgúns textos xa se narre a chegada do capitalismo ao país e que Mrozek lle faga extensiva a súa sátira, que ademais leva un envoltorio de enorme decepción. Se penso que os textos de crítica ao capitalismo son os mellores do volume non é por esquerdismo meu, que tanto ten, senón porque entendo que un Mrozek que levaba décadas perfeccionando a súa crítica á burocracia socialista, ao verse confrontado a unha situación diferente soubo mirar arredor e desenvolver recursos máis frescos, contrariamente a tantos artistas que consagran a súa carreira á crítica dun réxime e cando este cae ven caer canda el toda a súa inspiración.
O que lle pasou a Mrozek, por desgraza, foi que nese momento lle chegou a vellez. Ou o cansazo, ou a enfermidade, ou a apatía. Non o sabemos. Non o sei. O que é certo é que non volveu escribir contos desde comezos dos noventa. E vivo está.