16 de jul. de 2013

O anxo do desespero

O sábado 20 de xullo estarei presentando o selo Discos da máquina na Coruña, no contexto da festa de fin de curso do programa Disimulen de Cuac FM. A presentación, de balde, será ás 8 na Casa da Fariña (se lles veu á cabeza unha piada ao ler algo como "Casa da Fariña", saiban que lle acontece ao 99,8% da xente). A casa en cuestión está no número 6 da Praza de Azcárraga. A festa, faltaría máis, continúa na sala Mardi Gras (Travesa da Torre, 8) cos concertos de Das Kapital e Volonté. A entrada costa 6 € anticipada e 8 € en taquilla, e no interior venderemos o material do selo, que poden consultar aquí.

8 de jul. de 2013

Trasacordo

Apareceu nas últimas semanas un libro colectivo contra a mina de Corcoesto, Versus cianuro, que inclúe un texto meu, "Trasacordo". A persoa que se encargou de contactar comigo comentou o texto cunha cita da súa nai: "quedar como un rei sen gastar un peso". E si, é exactamente iso.

O libro costa cinco euros e non ten distribución en librarías, só se pode conseguir nas presentacións. A próxima é en Compostela, na Gentalha do Pichel o venres 12 de xullo ás 21h. A falta dun sitio web máis claro, ou da miña capacidade para localizalo, neste foro recóllense algunhas das próximas presentacións.

 






















Trasacordo

I

De Elvira Riveiro Tobío Para Samuel
Solleiro mar, 19 mar 2013 11:39 Asunto:
solicitude de colaboración en libro colectivo. Bos
días: Como seguramente sabes, no concello de
Cabana de Bergantiños queren abrir unha mina
de ouro a ceo aberto: a mina de Corcoesto. O
proxecto é un auténtico atentado ecolóxico e
unha mostra máis das fauces devoradoras do
capitalismo salvaxe. Hai cumprida información
en http://praza.com/tema/39/corcoesto/. A Asociación
Cultural Caldeirón de Malpica de Bergantiños
quere sumarse ás medidas, protestas e accións
en contra desta desfeita argallada de costas á
cidadanía e á propia terra a través dunha publicación
poético-reivindicativa na que se faga patente
o rexeitamento dos/das poetas fronte á
atrocidade que supón a devandita mina.
Por iso solicita a túa colaboración cun texto poético
alusivo que podes enviar ao seguinte enderezo de
correo electrónico: pacosouto@hotmail.com
Os poemas serán publicados nun volume colectivo que
será presentado nos próximos meses. Agradezo
de antemán a túa colaboración e convídote a que,
se tes vagar, vexas estes vídeos (son breves) que
poden darche unha idea ilustrativa da auténtica desfeita
que supón este tipo de explotación mineira.
http://www.youtube.com/watch?v=xdAXnqDT5MA
http://www.youtube.com/watch?v=80mfF1De00U
Abrazo cordial, Elvira Riveiro Tobío

II

De Samuel Solleiro Para Elvira Riveiro
Tobío xov, 21 mar 2013 17:25 Asunto: Re: solicitude
de colaboración en libro colectivo. Bo día, En primeiro
lugar, grazas polo convite a participar. Nunca me
sentín moi cómodo escribindo adrede para un tema
específico. En realidade, tampouco confío moito
na utilidade de facelo. Sábeme mal por ser o tema
que é, pero en pincipio, e non sendo que me veña unha
moi boa idea á cabeza nos próximos días, vou declinar
o convite. Outra vez grazas. Un saúdo. Samuel Solleiro

III

De Elvira Riveiro Tobío Para Samuel
Solleiro ven, 22 mar 2013 15:39 Asunto:
Re: solicitude de colaboración en libro
colectivo. de nada, hom... grazas a ti en todo
caso por ter a amabilidade de contestar. deica!

IV

De Samuel Solleiro Para Elvira Riveiro
Tobío mar, 2 abr 2013 17:01 Asunto: Re:
solicitude de colaboración en libro colectivo.
Ola outra vez, Cambiei de idea sobre o poema.
Vai anexa unha proposta. Á hora de maquetar
habería que ter en conta que uns espazos que
deixo ao comezo de cada apartado, onde van
as datas, son deliberados. Polo demais, non creo
que teña maior problema. Un saúdo, samuel